Patrimonea deseñou para o Concello de Arzúa unha nova ruta sendeirista de 15 km, circular e con inicio e final na céntrica praza de Galicia. Este itinerario recupera unha rede de corredoiras situadas no entorno da parroquia de Pantiñobre, o que o converte nunha referencia de recuperación e posta en valor do patrimonio a nivel galego.
As corredoiras atopábanse en desuso pero sen embargo conservan a súa morfoloxía orixinal e están flanqueadas por ringleiras de carballos que ofrecen sombra e unha paisaxe agraria case desaparecida en boa parte do país.
No percorrido transitaremos polo “camiño real” como se denominan as vías de comunicación do antigo réxime. Capelas como a de San Bieito coa súa cruz de madeira, a de San Xoán de Navas coa lenda do rebaño de ovellas, a casa dos frades ou a pontella do rego Carracedo, son algúns dos puntos de interese dun novo roteiro sendeirista que sen dúbida vai ser un referente para os amantes desta especialidade, e tamén para a propia veciñanza ao ver como se recuperan as vías que utilizaban noutros tempos.