Recreación do Castrillón co Coto de San Sebastián ao fondo. Roman Army

Dende o campamento militar do Castrillón podo imaxinarme como as tropas romanas divisaban o Coto de San Sebastián, un antigo castro hoxe convertido a miradoiro.
Aqueles habitantes do castro habían de amosar resistencia fronte ás poderosas lexións romanas. A afouteza, que hoxe é un slogan futbolístico, tería a súa orixe como nome nestes tempos.

Un castrexo divisando ao invasor dende os muros do seu castro, cambiando as labores agrarias polo defensa do seu territorio e da súa xente, é o verdadeiro significado de afouteza.
Moi lonxe da visión guerreira dos castrexos que nos aportan os filmes, o noso pobo era pacífico e a súa rutina diaria tería máis que ver con controlar as fases da lúa para maximizar os cultivos que con pelexar por un ou outro motivo.


Imaxínome a Breogán baixando a falda do Coto de San Sebastián (385 metros) para disfrutar dunha xornada de pesca no Pozo do Pego, un remanso do Ulla no que o salmón é o auténtico rei. Tan máxico era este sitio que os vellos do lugar din que era o enclave elixido polos pobos celtas para tirar aos mortos na busca doutro mundo. E de seguro que se hoxe poidésemos ver o que hai no fondo do río atoparíamos o enxogar funerario do noso Breogán, el tería no Pego o seu particular «Tír na nÓg (a terra dos benaventurados en galego).


Os novos pretendentes a ocupar o espazo galaico tampouco as terían todas consigo. O val do Ulla amosaba múltiples perigos para os descoñecedores do terreo. Cada ferrado do noso frondoso bosque sería unha emboscada para o exército imperial, unha oportunidade para máis cedo que tarde expulsar ao inimigo e resignificar a famosa frase de Julio César de Roma: «Veni, vidi, vici» a unha nova versión castrexa: «venerunt, viderunt, et abierunt» (viñeron, viron e fóronse).