A empresa de Touro Patrimonea acaba de ser seleccionada polo clúster de Turismo de Galicia para formar parte do club «Galicia destino sostible». Este club é unha iniciativa financiada pola Xunta de Galicia que pretende poñer en valor a oferta turística autonómica que contribúe a un crecemento sostible do destino Galicia.

Entre os requisitos que se tiveron en conta para adherir a Patrimonea a este selo figuran o desenvolvemento de actividades de responsabilidade social corporativa con impacto positivo no territorio local, a compatibilidade coa estratexia de turismo sostible ou a elaboración de experiencias turísticas baseadas en elementos propios da identidade local (patrimonio, gastronomía, cultura…). En relación con este último criterio cabe recordar que Patrimonea sacou o pasado inverno o primeiro paquete turístico centrado no Ulla, así como xa consolidou diferentes propostas baseadas no sendeirismo con base en Touro (o roteiro entre pazos, fervenzas e corredoiras ou Camiños da historia entre outros).

O vindeiro domingo 20 Patrimonea programa o roteiro «Camiños da historia» na parroquia tourense de Loxo, a menos de media hora de Santiago de Compostela, e quere convidar a todos os amantes do sendeirismo a esta cita para celebrar conxuntamente o recoñecemento como unha proposta turística sostible e 100% rural. Para ter máis información sobre a inscrición pódese consultar na web https://patrimonea.wordpress.com/2022/11/08/anotate-aos-roteiros-de-outono-de-patrimonea/ ou no 699 68 02 17.